CIG-Servizos insta o Concello ourensán a se implicar para evitar a folga na limpeza

CIG-Servizos reitera o seu chamamento ao Goberno municipal de Ourense para que interveña no caso da traballadora da concesionaria da limpeza que foi despedida por encabezar a candidatura da central nacionalista. O 28 de outubro celebrarase o acto de conciliación na Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).
27/10/10.

“Este acto é unha grande oportunidade para solucionar o conflito que supuxo este despedimento e, por iso, facemos un chamamento a UTE COPASA-GESECO para que actúe con responsabilidade e proceda á readmisión desta traballadora”, explica nun comunicado Carlos Vázquez Castro, secretario comarcal da CIG-Servizos ourensá.

Na mesma nota advírtese que a folga comezará na mañá do 31 de outubro “con consecuencias moi graves para o conxunto da cidadanía de Ourense polo carácter indefinido da mesma”. Ademais dos efectos do paro, “este despedimento cústanos aos cidadáns 20.000 euros que xa lle foron recoñecidos pola empresa á traballadora e que serán pagados cos cartos de todas e todos nós”.

Por último, a CIG-Servizos de Ourense rexeita as manifestacións da empresa en que responsabiliza os traballadores de que non se coloquen os colectores de carga lateral, “cando todo o mundo sabe que tiñan que estar instalados o 1 de outubro”.