Prosegue a loita contra a destrución de postos na auxiliares das caixas

Concentración na sede de Caixa Galicia na Coruña 6
Máis dun cento de persoas convocadas pola CIG-Servizos concentrouse, o 2 de novembro, ás portas da oficina principal de Caixa Galicia na Coruña para denunciar a perda duns 300 postos nas auxiliares de limpeza e seguridade das caixas galegas.
02/11/10.

CIG-Servizos reclama constitución dunha mesa de negociación para aportar solucións e analizar a posibilidade de recolocar, indemnizar ou prexubilar os traballadores e traballadoras das contratas que se verán afectados pola fusión das caixas, uns 300 segundo cálculos do propio sindicato. “As entidades non poden pretender liquidar este proceso a través de despedimentos obxectivos para os empregados/as das oficinas que teñen previsto pechar”, advirte Paulo Rubido, secretario nacional da Federación.

O director de recursos humanos de Caixa Galicia reuniuse brevemente con sindicalistas da CIG-Servizos mais, a xuízo de Rubido, esta entidade non está disposta a se comprometer para constituír un proceso de diálogo sobre esta materia. As caixas sosteñen que non poden emprender negociacións desta clase até o 1 de decembro pois manteñen que ten que ser a entidade resultante da fusión quen deba afrontar esta situación. “Esiximos un compromiso para abrir esa mesa antes da fusión e aínda non obtivemos resposta, por tanto, as mobilizacións seguirán adiante”, manifesta Rubido sobre este particular.