Convocada folga indefinida na limpeza dos colexios públicos de Vigo

Protesta no pleno municipal de Vigo das traballadoras da limpeza dos colexios públicos
O comité de empresa das traballadoras da limpeza dos colexios públicos de Vigo acordou convocar folga indefinida a partir do 15 de novembro. A protesta afectará 57 centros educativos. Linorsa, a concesionaria deste servizo que emprega 155 operarias, incumpre de xeito sistemático os acordos acadados co comité no tocante a contratacións e horarios. O Concello é coñecedor da situación mais fai caso omiso das reclamacións da parte social. As traballadoras están chamadas a participaren nunha asemblea no local da CIG viguesa, o 10 de novembro, ás 20:00 horas.
04/11/10.

A convocatoria de folga produciuse despois de moitas mobilizacións e accións reivindicativas. Porén, nin o Concello nin Linorsa solucionaron os problemas que veñen denunciando as traballadoras:

  • Non se cumpren as horas de traballo contratadas polo Concello, que é coñecedor e consentidor da situación, pois o propio o comité informouno no seu momento do que estaba a acontecer.
  • Fixéronse contratos fixos descontinuos no mes de xullo, ao remate do curso 2009-2010, sen o coñecemento do comité e cando xa estaba publicado o concurso público de adquisición de servizo. Ignoráronse os acordos entre o comité e a empresa no tocante á contratación indefinida por orde de antigüidade.
  • Deses contratos, a maioría fixéronse por 10 horas á semana con horarios de 8 a 10 da noite. Os contratos con menos de 10 horas non teñen dereito a prestación por desemprego e, posto que neste sector non hai traballo en xullo nin en agosto, as empregadas non tiveron ingresos. “Os horarios de 8 a 10 da noite só prexudican máis a conciliación da vida laboral e familiar”, explica Tránsito Fernández, secretaria comarcal da Federación.
  • As limpadoras só poden traballar catro horas ao día pois o Concello prohibiulles o acceso aos centros educativos antes das 18:00 horas. Esta limitación ocasiona, segundo sostén Fernández, “que as empregadas cheguen á xubilación cunha pensión irrisoria por non ter a opción a maior cotización”.