O comité de Lousame condiciona a desconvocatoria da folga á aprobación dunha moción en Ames

Marcha Lousame
O comité da planta de tratamento de residuos da Mancomunidade de Municipios “Serra do Barbanza”, situada en Lousame, pospuxo a folga que tiña convocada para o 8 de novembro. Os representantes dos traballadores concederon un novo prazo aos concellos, en especial ao de Ames, para que aproben mocións de apoio á continuidade deste servizo e abonen as débedas que teñen contraídas coa concesionaria.
09/11/10.

Comunicado do comité de Lousame:

O pasado día 14 de outubro celebrouse unha xuntanza en Muros, a petición do Comité de Empresa de FCC-Lousame, entre a Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza e este Comité, á que asistiron representantes de todos os Concellos integrados na Mancomunidade agás de Pontecesures e Carnota. Nesta xuntanza, tras un breve debate  sobre a situación na que se atopaba a Mancomunidade con respecto á débeda económica contraída con FCC, acordouse que o Comité de Empresa elaborara unha proposta de moción para que cada Concello a debatera e aprobara (ou non) en Pleno Municipal. Deste xeito os 150 traballadores/as de FCC coñeceríamos o grao de compromiso de cada Concello coa planta de Lousame e o seu modelo de xestión de RSU. Esta moción contén 4 acordos básicos:

  1. Manifestar o compromiso de cada Concello coa planta, garantindo que non optará por un modelo diferente de xestión de RSU.
  2. Apoiar as iniciativas e plans aprobados no seo da Mancomunidade encamiñadas a garantir o pago da débeda contraída con FCC.
  3. Adecuar os orzamentos de cada Concello para o ano 2011 para garantir o pagamento mensual do canon do lixo (co obxecto de non xerar unha nova débeda).
  4. Realizar as actuacións necesarias para demandar da Xunta de Galicia a súa implicación para resolver favorablemente o conflito existente coa recicladora ECOEMBES.

Tras a camiñata a pé, dende a planta ata a Consellería de Medioambiente, realizada polos traballadores/as de FCC (19 de Outubro), celebrouse unha asemblea de traballadores/as o día 22 de Outubro na que, entre outras medidas, acórdase convocar unha folga indefinida a partires das 00:00 horas do día luns 8 de novembro, encamiñada a evitar o peche da planta, xa que FCC ten solicitada a rescisión do contrato, que a vincula coa Mancomunidade, por impago.

Namentres vanse celebrando os Plenos nos Concellos da Mancomunidade, e nos celebrados ata o de agora, vense aprobando a proposta de moción elaborada por este Comité de Empresa: Muros (28 de outubro), Porto do Son e Noia (29 de outubro), Brión (4 de novembro) e Lousame (5 de novembro). En todos agás en Carnota (5 de novembro), onde se aprobou outra moción na que o Concello non se compromete ao pagamento do canon mensual á Mancomunidade, nin se garante que Carnota non optará por un modelo diferente de xestión de RSU.

Tampouco se aprobou en Ames, onde o 28 de outubro parte dos traballadores/as da planta asistimos a un Pleno no que o Grupo de Goberno foi alongando o transcorrer do mesmo, co obxecto de que non dera tempo a debater a proposta de moción antes das 24:00 horas, como así aconteceu, cos conseguintes reproches dos grupos da oposición.

O día 4 de novembro a Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza convoca a este Comité de Empresa a unha nova xuntanza na que lle pide que desconvoque a folga prevista para o 8 de novembro. A Mancomunidade basea esta petición argumentando, sen ningunha certeza, que existe unha base de acordo con FCC para poñer fin á situación xerada, a través dun plan de pagos que saldaría a totalidade da débeda contraída con FCC a 31 de decembro de 2012.

Nesa mesma  xuntanza, este Comité de Empresa decide non desconvocar a folga, aínda que se reserva o dereito de non facela efectiva ata que o considere oportuno e sempre previa aprobación en asemblea de traballadores/as. Os motivos que nos levan a esta decisión son os seguintes:

  1. Aínda non se celebraron todos os Plenos Municipais (queda pendente o de Rois, o de Pontecesures e un novo en Ames) polo que non coñecemos o grao de compromiso de todos os Concellos coa planta de Lousame e o seu modelo de xestión de RSU.
  2. O plan de pagos da Mancomunidade (co que saldaría a débeda a 31 de decembro de 2012), aínda non foi aprobado por FCC; nin polo Concello de Ames, que ao ser o máis endebedado é o principal causante desta situación.
  3. Non existen garantías de que con este plan de pagos non se siga xerando nova débeda e de aquí a 2 ou 3 anos esteamos na mesma situación, xa que non hai nada que obrigue aos Concellos a pagar o canon mensual á Mancomunidade.
  4. Este Comité de Empresa ten pendente unha xuntanza con FCC, o día 8 de novembro, para coñecer cal é a postura da empresa a estas alturas do conflito.

Os traballadores/as de FCC-Lousame seguiremos a adoptar as medidas que consideremos oportunas de cara a resolver a situación de incerteza na que nos atopamos, independentemente do que fagan os demais actores presentes neste conflito, que son os verdadeiros causantes de que se chegara a esta situación.

Así mesmo demandamos da Xunta de Galicia que interveña dunha vez nun conflito no que parece estar ausente e se digne a concedernos algunha das xuntanzas que este Comité de Empresa lle pediu en data de 31 de agosto.

 

O COMITÉ DE EMPRESA DE FCC-LOUSAME