CIG-Servizos de Ferrol anuncia un calendario de mobilizacións para os vindeiros días

Asemblea Ferrol
CIG-Servizos de Ferrol celebrará o 16 de novembro unha asemblea de afiliados e afiliadas, ás 20:00 horas no local da Unión Comarcal, na que dará a coñecer o calendario de mobilizacións para as vindeiras xornadas. Un día máis tarde, a Federación apoiará en Compostela, ás 11:00 horas en San Caetano, o persoal do Centro de Educación Especial “Terra de Ferrol” contra a privatización do “Souto da Leixa”.
15/11/10.

Ao mesmo tempo, na asemblea darase conta da manifestación do 18 de novembro na cidade departamental, que partirá ás 20:00 horas do local sindical. CIG-Servizos de Ferrol tamén anima a participar na marcha do día 21 en Compostela en defensa da sanidade pública, que sairá da Alameda ás 12:00 horas.

Comunicado da CIG-Servizos ferrolá:

A CIG-Servizos vai celebrar unha Asemblea Xeral de Afiliación este Martes 16 de novembro, para abordar todo un calendario de mobilizacións en defensa dos servizos públicos e contra as reformas do capital. Na Asemblea contaremos coa presenza do membro da Executiva Confederal da CIG Fran Cartelle para analizar toda esta situación de ofensiva do Capital contra a Clase Traballadora e a necesaria resposta que temos que dar desde o Sindicalismo, loitando pola defensa dos servizos públicos, o dereito ao traballo digno, o dereito a unha pensión digna, o dereito á negociación colectiva, o dereito á protección social, ... e propoñendo un novo modelo social e económico.

Despois da pasada Folga Xeral do 29 de Setembro, temos que continuar na loita ata conseguir os nosos obxectivos de deitar a contrarreforma laboral e impedir a imposición doutras que o Goberno español pretende impoñer (pensións, prestacións de desemprego, negociación colectiva, ...). Ademais temos que parar o negocio das privatizacións do sector público (sanidade, servizos sociais, ....).

Desde a CIG-Servizos imos continuar coa acción contra as políticas neoliberais do Goberno Español e da Xunta de Galicia. O pasado 3 de novembro tivo lugar unha Manifestación Nacional de representantes sindicais de todas as federacións da CIG en Compostela. Agora, nas diferentes comarcas da Galiza, este xoves 18 de novembro, mobilizarémonos "Contra as reformas do capital e os orzamentos da Xunta". Polo que en Ferrol tamén terá lugar unha Manifestación que a nosa Federación Comarcal apoia. A retirada da reforma laboral, frear as propostas de reforma das pensións e da negociación colectiva e contra os orzamentos presentados pola Xunta de Galiza e o Goberno Español son algunhas das nosas demandas.

Dentro do calendario de mobilizacións que a Federación de Servizos da CIG acordou apoiar está a que convoca a Asemblea de Traballadoras e Traballadores do CEE "Terra de Ferrol", co apoio dos familiares de usuarios e usuarias, en contra da Xestión Privada do CAPD "Souto de Leixa" (Residencia de maiores de 21 anos) que vai ter lugar o mércores 17 de novembro en Compostela.

Por último, desde a CIG-Servizos facemos un chamamento a participar na grande Manifestación Nacional que o vindeiro Domingo 21 de novembro se vai celebrar en Compostela, pola mellora e defensa da sanidade pública.

Debemos manter unha actitude de loita e non dar a batalla por perdida. Esta contrarreforma laboral podémola deitar e impediremos que poidan levar adiante as outras reformas que xa anunciaron. Podemos e debemos loitar contra a privatización dos servizos públicos e demandamos desde xa o rescate dos servizos públicos privatizados. Debemos manter unha actitude de loita, é por iso polo que continuamos mobilizándonos.

Ferrol, a 15 de novembro de 2010.

Pola Executiva Comarcal da Federación de Servizos – Ferrol

Cristina Martínez Ces.