CIG-Servizos de Lugo mobilízase contra os despedimentos en Supermercados DIA

Concentración en Supermecados DIA en Lugo 20101125
Sindicalistas da CIG-Servizos de Lugo concentráronse o 25 de novembro diante do supermercado DIA da Avenida da Coruña en protesta pola ducia de despedimentos en estabelecementos da cadea na cidade. A Federación comarcal tamén lle reprocha a FETICO, que ostenta toda a representación no comité provincial, a súa complicidade e silencio coas represalias da empresa.
26/11/10.

“Denunciamos tamén a actitude do comité de empresa, integrado na súa totalidade por membros do sindicato FETICO, cuxo traballo só valeu até o momento para asinar un convenio de condicións inferiores ao provincial”, manifesta a CIG-Servizos luguesa a través dun comunicado. FETICO está a ser cómplice dos despedimentos en Lugo “desde o máis absoluto silencio e inactividade”.

A xuízo da Federación comarcal, a política de abusos desta cadea de alimentación está favorecida pola reforma laboral recentemente aprobada nas Cortes españolas.

Persecución sindical

Supermercados DIA signifícase en Galiza por exercer unha persecución constante contra a CIG-Servizos e os traballadores e traballadoras que optan por se afiliar ou por se integrar nas listas da central.

As votacións ao comité coruñés tiveron que repetirse até en tres ocasións como consecuencia das constantes inxerencias da empresa no proceso electoral, encamiñadas en todo momento a favorecer a FETICO e a excluír a CIG-Servizos. Candidatas do sindicato nacionalista tiveron que aturar ameazas de despedimentos ou de traslados de centro. Porén, no comité da Coruña CIG-Servizos conseguiu tres delegadas que contribuíron decisivamente a que FETICO perdese a maioría absoluta.