Centos de persoas apoian nunha marcha a loita da limpeza dos colexios vigueses

20101203 Vigo, manifestación do persoal de limpeza dos colexios públicos
Unhas 300 persoas secundaron o 3 de decembro en Vigo a manifestación convocada pola CIG-Servizos en apoio ás traballadoras da limpeza dos colexios públicos da cidade, que permanecen en folga desde o 15 de novembro. O sindicato puxo a venda bonos solidarios como consecuencia da prolongación do conflito por mor do inmobilismo do Concello e da concesionaria, Linorsa.
06/12/10.

Comunicado emitido polas operarias:

Ante as falsidades que a empresa Linorsa publicou (pagando máis de tres mil euros polo anuncio) nos medios de comunicación, ao respecto dos motivos da celebración da nosa FOLGA LEGAL, debemos aclarar o seguinte:

- A FOLGA non ten nada que ver co noso Convenio Colectivo como di a empresa, porque xa está asinado dende o ano 2008 e remata en decembro de 2011.

- Somos case todas mulleres con xornadas a tempo parcial, de catro horas de media ao día, e a única oportunidade que temos para poder aumentala é cando se xubila algunha compañeira ou cando se amplía un centro, pero non nos deixan facelo porque non podemos entrar antes das 6 da tarde, segundo di o Concello de Vigo.

- Algunhas das empregadas, con contratos antigos, entran antes das 6 a traballar, pero a maioría non pode, alegando o Concello que interfire nas actividades extraescolares, ¿por que nuns colexios interfire e noutros non? NINGUÉN NOS CONSTESTA A ISTO.

- Coa Lei actual, con contratos de 4 horas ao día debemos traballar 30 anos para ter cotizados 15. Coa nova reforma preténdese aumentar a 20, co que deberemos traballar 40 anos para ter cotización suficiente. Co recorte do horario estannos PROHIBINDO MELLORAR A NOSA FUTURA PENSIÓN.

- Fixéronse contratos fixos descontinuos no mes de xuño, ao remate do curso 2009-2010, sen ter coñecemento o Comité e cando xa estaba publicado o concurso público de adquisición de servizo, pasando por alto os acordos de Comité e empresa en canto á contratación indefinida por orde de antigüidade.

- Deses contratos, a maioría fixéronse por 10 horas á semana, e con horarios de 8 a 10 da noite. Os contratos con menos de 10 horas non teñen dereito a prestación por desemprego. Este sector non ten traballo nin en xullo nin agosto polo que, neses meses, non terían ingresos. Os horarios de 8 a 10 da noite só fan prexudicar máis a conciliación da vida laboral e familiar, dado que somos case todas mulleres.

- Contratan a cinco homes a xornada completa para facer funcións de cristaleiros, sen darnos opción as mulleres para ocupar eses postos e poder gozar de máis xornada.

- A FOLGA foi convocada polo Comité de Empresa, a petición da maioría das traballadoras.

Esperamos que desculpen as molestias porque somos conscientes de que poden verse afectados os centros escolares pola ausencia de limpeza. Pero neste momento que ten que darnos solución a este conflito é o Concello de Vigo. Nas mans do Goberno municipal está o arranxo.

VÍDEO REALIZADO POR GALIZA CONTRAINFO

FAIL (the browser should render some flash content, not this).

Manifestación solidaria coas traballadoras da limpeza dos colexios públicos de Vigo