Desconvocada a folga na limpeza dos colexios públicos de Vigo

20101117_folga_limpeza_vigo
As negociacións en días pasados entre o Concello, Linorsa e a CIG-Servizos serviron para alcanzar un acordo que implica a desconvocatoria da folga iniciada o 15 de novembro. A empresa comprométese a respectar os pactos asinados co comité e acepta incluír na negociación do vindeiro convenio a regulación do horario das operarias. Linorsa aumentará as horas a aquelas empregadas que o precisen para a súa xubilación.
11/12/10.

O acordo, que foi atinxido o 10 de decembro, ha ser redactado e rubricado o día 13 por representantes do Goberno local, da concesionaria e da Federación de Servizos da CIG.

A secretaria comarcal de Vigo, María do Tránsito Fernández, considera que os puntos consensuados son básicos para o sindicato. Igualmente, salienta a capacidade de loita e a solidariedade amosadas polas traballadoras ao longo deste conflito, que se estendeu durante 23 días.

“Nun colectivo precarizado o lóxico é que as empresas amplíen a xornada ás traballadoras a tempo parcial cando haxa máis ocupación e que a Administración sexa a primeira en axudar para que así sexa”, asevera Fernández.