CIG-Servizos convoca folga no restaurante ourensán “San Miguel”

Hostalaría en loita
CIG-Servizos convocou folga no restaurante “San Miguel”, en Ourense, para os días 17, 18 e 31 de decembro para o 5 de xaneiro co obxecto de reclamar os salarios adebedados ao cadro de persoal, que leva catro meses sen os percibir. A decisión de ir aos paros foi tomada por unanimidade.
15/12/10.

O sindicato e os traballadores do restaurante intentaron desde o primeiro momento buscar unha solución negociada ao conflito mais aínda non obtiveron unha resposta satisfactoria por parte da empresa. Na primeira xuntanza a xerente acadara uns compromisos que poucas horas despois incumpriu.

Por outra banda, o cadro de persoal quere pedir desculpas aos clientes polos prexuízos que se poidan causar e agarda que comprendan os motivos da folga. A clientela debe entender a gravidade da situación persoal e familiar dos empregados tras catro meses sen recibir o salario.

Incumprimentos da lexislación laboral

No restaurante San Miguel non houbo calendario laboral até hai uns días, circunstancia que provocou que a maioría do persoal se vise abocado a facer exceso de horas –que tampouco cobrou- e a non gozar do descanso semanal que estipula a lei. Do mesmo xeito, CIG-Servizos denuncia as inxerencias da xerente en cuestións de índole sindical.