CIG-Servizos fai patente na rúa a súa oposición ao convenio de seguridade privada

20101214_mani_seguridade_vigo
CIG-Servizos reuniu o 14 de decembro en Vigo algo máis dun cento de delegados e traballadores da seguridade privada na manifestación de protesta contra o convenio asinado en Madrid, que consagra a perda de poder adquisitivo, entre outras consecuencias negativas. Na marcha tamén se reivindicou a negociación dun convenio galego sectorial como solución ás demandas dos vixilantes.
15/12/10.

A mobilización partiu ás 10:30 horas da Praza de España e rematou dúas horas despois diante da sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, na rúa García Barbón. Durante o percorrido berráronse consignas a favor dun convenio galego e contra UGT e USO, centrais asinantes do texto estatal.

Conxelación salarial

CIG-Servizos rexeita o convenio porque supón unha perda importante de poder adquisitivo, nomeadamente do 2´2%. O apartado económico contempla a conxelación salarial para os anos 2009 e 2010, unha suba do 1% en 2011 e, a partir do 1 de xaneiro de 2012, os soldos incrementaranse en función do IPC real de 2011 máis a diferenza entre o IPC real de 2010 e o 1%. O convenio tampouco arbitra medidas de conciliación da vida laboral e familiar.

CIG-Servizos dubida da legalidade do artigo 44, relativo ao descanso anual compensatorio, e considera que o texto tampouco soluciona os problemas de subrogación do transporte de fondos.