O PP organiza unha cea “solidaria” no hotel dunha deputada que non paga ao persoal
Nun comunicado, a Federación de Servizos comarcal informa que o obxectivo do ágape é “recadar fondos” para entidades sen ánimo de lucro. Porén, Cristina Martínez Padín, da Executiva Nacional da CIG-Servizos, solicítalle ao PP que a cantidade restante sexa destinada aos traballadores e traballadoras aos que a empresa lles adebeda os salarios.
ERE pendente de resolución
O hotel vén de presentar un Expediente de Regulación de Emprego que é rexeitado polos traballadores e traballadoras. “Agardamos que a cea `solidaria´ non determine a sorte do ERE, pois asistirán a súa promotora –Natalia Barros- e algún dos encargados de resolvelo”, puntualiza Martínez Padín.
Do mesmo xeito, a sindicalista pon de relevo as contradicións entre Feijóo e Barros no tocante ás cifras de turistas: “Mentres Feijóo fala de ano histórico, para a súa compañeira de filas o 2010 foi calamitoso. Mentres que o primeiro di que o turismo medrou en Galiza o dobre que en España, a outra sostén que mesmo se reduciu”.
“Que se poñan todos de acordo na cea `solidaria´, na que uns han comer (os do PP) e outros (os traballadores/as) han traballan sen cobrar e agardando a que os subordinados de Feijóo resolvan o ERE, esperemos que inspirados na `solidariedade´ da cea”, sentenza Martínez Padín.




