A CIG anuncia a convocatoria de folga xeral para o 27 de xaneiro

Folga xeral, manifestación en Vigo (29-09-2010)
O Secretariado Confederal da CIG acordou convocar folga xeral para o 27 de xaneiro como protesta contra as políticas antisociais promovidas desde o poder e, en concreto, en repulsa polas pretensións do Goberno español de aumentar a idade de xubilación e de incrementar o cómputo de anos para calcular a pensión.
30/12/10.

A CIG anima CCOO e UGT a sumárense á convocatoria, que coincide no tempo co paro xeral anunciado polos sindicatos vascos. A central nacionalista está disposta a modificar a data en aras de chegar a un consenso cos sindicatos españois co obxecto de fortalecer a resposta social pero, en todo caso, antes do 28 de xaneiro, día en que o Goberno español quere aprobar a reforma das pensións.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, avoga por dar unha resposta contundente ás políticas económicas e laborais que os gobernos están a adoptar: “Todos os avances que se conseguiron cara un sistema de protección social estábel e seguro estanse destruíndo. Tanto as reformas xa efectuadas, como agora a das pensión ou a que se nos anuncia da negociación colectiva déixannos nunha situación social e laboral de hai 60 anos. Estamos ante un cúmulo de despropósitos que require dunha contestación inmediata”.

Consulta a nova na web confederal