CIG-Servizos solicita ao Concello ferrolán a rescisión da concesión a Serviasistencia
No verán de 2010 o Concello de Ferrol adxudicoulle parte do servizo de axuda no fogar a Serviasistencia. Desde aquela, estase a incumprir sistematicamente o convenio colectivo, en concreto, nos seguintes apartados:
1- O persoal non libra ningún día á semana.
2- A empresa non aboa a nocturnidade malia que se está a realizar traballo nocturno.
3- Non se paga a totalidade da quilometraxe.
4- Os retrasos nos pagamentos son constantes. O persoal pasa dous e tres meses sen cobrar.
Todos estes incumprimentos ocasionaron que as traballadoras fosen abandonando pouco a pouco a empresa. O cadro de persoal muda constantemente, circunstancia que provoca un grave deterioro na calidade do servizo prestado.
CIG-Servizos de Ferrol xa denunciou os feitos perante a Inspección de Traballo e tamén se dirixirá á Xunta de Galiza, que cofinancia este servizo, e ao propio Concello, a quen lle reiterará a solicitude de rescisión da concesión. A Federación entende que debe adxudicárselle a unha empresa que respecte a lexislación e as traballadoras teñen que ser subrogadas.
“O Concello ten a obriga de garantir o cumprimento da legalidade e non o está a facer. Está sendo corresponsábel da falta de pagamento ao persoal desta concesión administrativa”, manifesta nun comunicado o integrante da Executiva Confederal Francisco Cartelle.




