Atinxido un acordo no conflito da limpeza dos colexios públicos vigueses

limpeza_colexios_vigo_detalle_manifestacion.jpg
Representantes da CIG e do Concello de Vigo alcanzaron o 27 de febreiro un acordo no que instan Linorsa a cumprir todos os compromisos acadados co comité sobre o incremento da xornada a traballadoras. O documento subscrito tamén contempla a contratación da empregada que non foi renovada por secundar a folga desenvolvida a finais do ano pasado.
28/2/11.

A xuízo de Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG-Servizos, a central “tivo moi claro en todo momento que os termos do acordo tiñan que ser os mesmos que os do 10 de decembro (data na que se desconvocou a folga)”.

Os concelleiros Santos Héctor e Carlos López Font, representantes do Executivo local no conflito, escusaron a ausencia de Linorsa na xuntanza do día 27 asegurando que se reunira con eles a véspera. Porén, a CIG-Servizos esixiu que se plasmase no acordo a implicación da concesionaria e que se puxese unha data á reunión co comité de folga.

Tránsito Fernández entende que o Goberno municipal retrasou deliberadamente a consecución de calquera tipo de entendemento co propósito de desgastar a central nacionalista: “Foi un ataque ao sindicato e á nosa afiliación, como quedou demostrado co proceso das últimas eleccións sindicais ou no trato recibido cada vez que intentamos participar nun pleno ou entrar no Concello”.

A responsábel comarcal da Federación sostén que o acordo sería impensábel de non ser pola presión exercida nas mobilizacións desenvolvidas nos últimos meses.