A limpeza do Hospital de Burela mobilízase para reclamar a sinatura do novo convenio

Hospital da Costa de Burela, concentración do persoal de limpeza
As traballadoras e traballadores do servizo de limpeza no Hospital da Costa de Burela concentráronse o 24 e febreiro por espazo de media hora no vestíbulo do centro para lle reclamar á concesionaria, Samyl S.L., que o novo convenio colectivo os equipare en xornada co Grupo E do SERGAS. O persoal pretende acadar unha equiparación total (a salarial xa se conseguiu) tal e como ocorre no resto de centros hospitalarios do país.
28/2/11.

Ao remate da concentración a delegada de persoal e representantes da CIG-Servizos foron recibidos pola Directora de Xestión do Hospital, á que lle trasladaron os motivos da protesta. Esta afirmou que o Hospital carece de competencia algunha para poder intervir na resolución do conflito e que esta recae exclusivamente na parte empresarial.

Xoán M. Díaz Branco, da CIG-Servizos da Mariña, indicou que directivos de Samyl SL telefonaron o sindicato para lle facer chegar unha oferta de diálogo que se concretará nunha reunión para o vindeiro 3 de marzo.