Editado o convenio de seguridade privada do período 2009-2012

LOGO_CIG-SERVIZOS.JPG
CIG-Servizos vén de editar o convenio colectivo de seguridade privada do período 2009-2012. Dita publicación tamén contén unha análise crítica, realizada pola central, deste texto que consagra a perda de poder adquisitivo, entre outras consecuencias negativas para os e as vixilantes. O sindicato segue a reclamar con forza a creación dun convenio colectivo galego.
09/3/11.

Reproducimos o limiar da publicación:

Logo de dous anos, UGT e USO asinaron este convenio que lesiona gravemente os dereitos dos traballadores e traballadoras. Foron dous anos de teatro, nunha pretendida mesa de negociación, na que a CIG nada puido negociar a pesar de ser o único sindicato que presentou unha plataforma de convenio. Os sindicatos estatais non se preocuparon máis que de non incomodar a unha patronal, que agochándose nunha crise inexistente no sector, conseguiu abocar a miles de traballadores a unha grave perda acumulada de poder adquisitivo. Isto que para algúns parece carecer de importancia, á CIG parécelle transcendental e así o puxemos de manifesto na mesa de negociación, para que se tivera en conta que con este convenio  perdemos o IPC real dos anos 2008 (1,4%) e 2009 (0,8%).

Igualmente, no 2010, o Goberno do Estado español subiu o IRPF en 400 euros, o que representa exactamente un 2,57% sobre o salario dun Vixilante de Seguridade en cómputo anual. Asemade, a suba do 2% no IVE en todos os produtos de consumo a partires de xullo do 2010, fai que o total acumulado de perda salarial real e directa sexa desde o 2009 dun 6,77%. É dicir, desde o ano 2009, temos de perda de poder adquisitivo 87 euros mensuais e 1051,5 euros anuais, que non recuperaremos con este convenio.

Para isto non era necesario agardar dous anos e aínda por riba asinan un convenio inferior a propostas realizadas pola patronal con anterioridade. E namentres as empresas seguiron actualizando os prezos aos clientes e continúan a manter as súas marxes de beneficio.

A negociación deste convenio estatal de seguridade privada foi inexistente en todo momento, no seu lugar existiu imposición da Patronal, e incapacidade sindical absoluta por parte dos sindicatos estatais, unidades sindicais ficticias, (primeiro con uns despois con outros), folgas fantasmas, presións ridículas e totalmente ineficaces. Os sindicatos estatais demostraron sobradamente (dous anos foi tempo dabondo) que non tiveron capacidade para forzar unha negociación seria, garantindo, polo menos o mantemento do poder adquisitivo. Non falemos xa da súa capacidade para negociar ese “convenio digno” do que tanto levan a falar, nin a tiveron nin a terán nun futuro próximo, xa que son reféns das súas obras e feitos. A CIG, a nivel estatal, é certo, tampouco ten capacidade para darlle saída ó problema do sector.

Pero, ó contrario que os outros sindicatos, a CIG si ten unha alternativa e a leva propoñendo dende fai tempo, para rematar con  este esperpento estatal en que estes converteron o noso convenio. Esta alternativa pasa, non nos cabe ningunha dúbida, por conseguir un convenio en outro ámbito. A nosa alternativa:

CONVENIO GALEGO DE SEGURIDADE PRIVADA

Dende a CIG apostamos por un convenio galego, pero precisamos ter unha maior representatividade no sector. Todos precisamos do convenio, pero ¿que convenio vos están a ofrecer os demais sindicatos?,¿o convenio que siga impoñendo a patronal?,¿canto tempo precisan para darse conta que a única saída e negociar un convenio de ámbito galego?,¿por qué non queren negociar un convenio galego?,¿por qué é a CIG o único sindicato que se mobiliza neste sentido?.

A mobilización é o único camiño, isto non para aquí. Pero non para favorecer uns intereses que van en contra do propio sector, que outros din estar defendendo, que amparándose na crise económica e para seguir aumentando a perda de poder adquisitivo, asinan convenios como este.¿Que diferenza hai entre estes argumentos e os da patronal?

Imos continuar mobilizándonos, pero queremos que sexa con todos vós do noso lado, traballadores/as galegos/as loitando por un CONVENIO GALEGO. Loitando polos nosos intereses. O convenio galego é un obxectivo que está ó alcance de todos, si somos todos os que empurramos xuntos cara unha realidade que non pase por agardar que outros, noutro lugar, simulen facer un traballo que non da froito algún.

O convenio estatal e os que o defenden xa teñen demostrado o seu fracaso. A negociación a nivel estatal demostrou ser un fraude, e non queremos que iso se repita. No futuro nada mais se vai mover se non o movemos nós.