A Federación presentará un conflito colectivo nas instalacións deportivas ante o fracaso do AGA

detalle_mobilizacion_deportes.jpg
CIG-Servizos ha presentar un conflito colectivo no sector de instalacións deportivas para que a Xustiza dirima as discrepancias xurdidas cos empresarios en torno á aplicación do plus de transporte, á interpretación da xornada irregular ou ao descanso semanal. A vía xudicial fica expedita pois non houbo acordo sobre estes extremos no AGA celebrado o 17 de marzo na sede do Consello Galego de Relacións Laborais.
21/3/11.

Na mediación non houbo avinza no tocante ás discrepancias xurdidas sobre a percepción do plus de transporte por parte do persoal contratado a tempo parcial. Tampouco existiu acordo no relacionado coa distribución irregular da xornada. Outra controversia suscitouse no referido ao descanso semanal mínimo ininterrompido de dous días, pois a CIG-Servizos defende que a semana se debe entender de luns a domingo e non por períodos de sete días como sosteñen os empresarios. Ademais, tampouco houbo entendemento en canto a que complementos económicos teñen a consideración de variables.

Non obstante, si se alcanzou avinza nos seguintes puntos:

A efectos do cálculo da suba que se lle debe aplicar ao persoal con complemento ad personam nos tramos estabelecidos no artigo 7, a porcentaxe da suba estabelecida para o primeiro ano colle como referencia o incremento lineal producido entre a diferenza das táboas salariais do convenio estatal vixentes a 1 de xaneiro de 2010 e as táboas salariais do galego correspondentes ao mesmo ano.

Respecto do complemento ad personam, as partes estiman que convén aclarar que todos os complementos fixos cotizábeis ou non cotizábeis que percibisen os traballadores irán a un único complemento cotizábel, tal e como reflicte o convenio.

En canto ao artigo 27 do texto, as partes consideran oportuno aclarar que as 48 horas de descanso semanal pactadas non se solapan coas 12 de descanso entre xornadas.

Consulta todas as novas do sector

AdxuntoTamaño
Acta mediación deportes (17-03-2011)179.12 KB