CIG-Servizos acada a totalidade do comité de Bershka en Pontevedra

Eleccións sindicais
A Federación de Servizos da CIG obtivo cinco delegadas, a totalidade do comité, nas eleccións celebradas nos centros de traballo de Bershka na provincia de Pontevedra o 23 de marzo. A central coida que esta vitoria electoral é consecuencia da loita e do traballo sindical incansábel desenvolvido durante os últimos catro anos no comercio téxtil.
24/3/11.

“As 81 traballadoras da empresa na provincia son conscientes de que o único sindicato que as defendeu e loitou por elas nestes últimos catro anos foi a CIG-Servizos”, manifesta a secretaria comarcal viguesa, María do Tránsito Fernández.

A sinatura do convenio do comercio téxtil sen o referendar as asembleas ou a reforma do sistema público de pensións co acordo de UGT e CC.OO foron motivos de peso, a xuízo de Fernández, para que as empregadas declinasen participar nas candidaturas destas centrais amarelas.

Un sector como o comercio téxtil, completamente feminizado, con traballadoras con idades comprendidas entre os 20 e 30 anos, cun 90% de contratos parciais, “necesita máis melloras sociais que económicas”. A este respecto, Fernández sostén que co convenio actual e coa reforma das pensións, “as empregadas saen máis prexudicadas que en calquera outro sector pois, ao cotizaren a tempo parcial, tardarán máis anos en ter a súa pensión”.

CIG-Servizos confía en seguir obtendo excelentes resultados nas eleccións sindicais no comercio téxtil. No vindeiro mes haberá comicios en Zara na provincia pontevedresa, onde a central xa ten lista.