A patronal de axuda a domicilio quere incumprir os acordos retributivos

LOGO_CIG-SERVIZOS.JPG
A patronal galega do sector de axuda a domicilio manifestoulles aos sindicatos a súa pretensión de diferir para anos sucesivos o incremento do 5% acordado para 2011 no convenio autonómico. CIG-Servizos adiantou que presentará un conflito colectivo para forzar os empresarios a pagaren segundo o estipulado no texto. A patronal presentou esa proposta no decurso da xuntanza do 3 de maio da Comisión Paritaria do convenio galego.
04/5/11.

Os patróns pretenden reproducir no país o acordo atinxido no texto estatal, que consiste en fraccionar o incremento do 5% recoñecido por unha sentenza da Audiencia Nacional aboando o 3% en 2011 e diferindo o 2% restante para os anos 2012 e 2013.

A parte social rexeita esta pretensión e reclama o cumprimento do convenio galego, nomeadamente do artigo 44, relativo aos incrementos retributivos.

“Nin sequera a consideramos (a proposta dos empresarios) xa que, por un lado, non se respectaría o convenio galego e, polo outro, condicionaría a futura negociación do vindeiro convenio”, manifesta Pedro Pérez Caride, secretario Federal de Negociación Colectiva e representante do sindicato na Comisión Paritaria.