Empregadas de Zara mobilízanse contra o abuso da contratación a tempo parcial

Protesta no Zara de Juana de Vega, A Coruña 07
Medio cento de traballadoras, convocadas polo comité de empresa e apoiadas pola CIG-Servizos e outras centrais, participaron o 13 de maio nunha concentración diante do Zara da rúa coruñesa de Juana de Vega para manifestar a súa oposición ao abuso da contratación a tempo parcial que comete esta firma do emporio de Amancio Ortega.
13/5/11.

“Hoxe en Zara é imposíbel conseguir un contrato de 40 horas semanais, é un luxo reservado a algún/ha afortunado ou amigo de...”, explica o comité nun panfleto difundido durante a protesta. Na mesma liña, indica que máis do 70% das traballadoras teñen contratos de 24 horas semanais, “o que implica que se os salarios xa son baixos para xornadas completas, en contratos inferiores son de miseria. A isto hai que engadirlle que existe unha variación grande de quendas de traballo”.

A multinacional prefire contratacións a tempo parcial para facilitar a rotación de persoal e aforrar custos antes que subir de horas aos empregados que levan anos na firma.

As representantes do persoal tamén denuncian o aumento da carga de traballo e do nivel de esixencia. Zara tampouco cobre as baixas nin as vacacións. A compañía, ademais, négase sistematicamente a recoñecerlle as categorías profesionais ao persoal, o que o obriga a exercer responsabilidades que non son remuneradas.

A concentración do 13 de maio estivo vixiada de preto por unha patrulla da policía española e polo xefe de seguridade de Zara. Este último dedicouse a fotografar os e as asistentes á mobilización, que se estendeu durante algo máis dunha hora.

GALERÍA FOTOGRÁFICA