Gadis despide traballadores por integrar a lista da CIG-Servizos

20070116_gadis_betanzos_01.jpg
Cada vez que se aproximan unhas eleccións sindicais Gadis emprega todos os seus esforzos en pór todo tipo de obstáculos á CIG-Servizos para que non poida presentar candidatura ou, no seu defecto, diminúa a súa representación. Actualmente vén de despedir dous traballadores do almacén de Piadela que manifestaron a súa intención de participar na lista do sindicato. Gadis tamén paralizou no último momento a contratación dunha empregada por ser irmá dunha integrante do comité.
26/5/11.

A intención da cadea de alimentación da familia Tojeiro é sacarse de diante o único sindicato que se negou a asinar o pésimo convenio provincial coruñés. CIG-Servizos tamén se destaca pola denuncia sistemática da contratación fraudulenta no grupo, recoñecida como tal pola propia Inspección en innumerábeis resolucións.

As prácticas represivas de Gadis contra a CIG en período electoral son habituais. O responsábel do comercio do sindicato na Coruña, Roberto Pérez Vila, recorda como hai anos uns comicios tiveron que se repetir por mandato xudicial por mor das inxerencias da empresa. Á parte, en Ecomas, unha das firmas do grupo, unha resolución da Inspección de Traballo impúxolle unha sanción de 50.000 euros por interferir nas últimas eleccións celebradas.

Os despedimentos de dous traballadores do almacén loxístico de Piadela (Betanzos) producíronse ao ser público e notorio que se ían presentar pola lista da central nacionalista. A compañía alega nun dos casos que o operario foi despedido por “repoñer mal uns palés”, desculpa absurda ao se tratar dun dos empregados máis antigos do centro con 17 anos de antigüidade. O sindicato xa adiantou que presentará cadansúa demanda por despedimento nulo. Simultaneamente realizará accións reivindicativas para esixir a readmisión dos compañeiros. Non é casual que os despedimentos se desen en Piadela, centro de traballo que se paralizou durante a última folga do sector e onde o sindicato nacionalista ostenta a maioría absoluta.

A outra represalia afectou a irmá dunha delegada da CIG-Servizos. Gadis ofrecéralle un posto e, tras pasar todos os trámites necesarios para formalizar a contratación, comunicáronlle que non podían contar cos seus servizos “debido á crise”. O dramático da situación é que a traballadora renunciara ao seu antigo posto.

Paulo Rubido, secretario nacional da Federación, apelou a que a sociedade galega coñeza a verdadeira faciana de Gadis, un emporio que mantén unhas relacións laborais “medievais” e que ten “prácticas propias do franquismo”. Considera que todo sindicato que non sexa o da empresa se converte no seu inimigo.

Fusión empresarial

CIG-Servizos entende a fusión das diferentes sociedades que integran o grupo Gadis como un intento máis para que a central non sexa maioritaria. Despois desta operación, máis de 3.000 traballadores e traballadoras están chamadas ás urnas para escoller unha das representacións sindicais máis grandes de Galiza (entre elas o Comité das tendas —con 25 membros— e o do almacén de Piadela que supera os 500 traballadores).

Á parte da maioría absoluta no almacén loxístico betanceiro, CIG-Servizos é maioritaria nos comités de Almacenes Casán e Claudio.