Declaran improcedente o despedimento do operario de Geriatros que pedira unha adecuación de posto
Geriatros aducía causas obxectivas para lle rescindir o contrato ao operario, amparándose nun informe da mutua Fraternidad-Muprespa que non o considera apto para o traballo. Todo o contrario pensa o INSS, que rexeitou unha solicitude de invalidez porque entende que o empregado si reúne as condicións necesarias para desenvolver unha actividade laboral.
CIG-Servizos de Lugo manifesta a súa satisfacción pola sentenza e considera que se fixo xustiza. Tamén salienta a importancia das mobilizacións. “Vemos os froitos do traballo levado adiante na defensa do traballador dende a Asesoría Xurídica e tamén no calendario de mobilizacións que se levou adiante con concentracións na empresa, na Mutua e mesmo diante do Xulgado”, manifesta Xosé Paz, secretario comarcal da Federación.




