A CIG convoca a “Marcha galega polo emprego” entre os días 29 de xuño e 3 de xullo

Eleccións sindicais
A CIG presentou a “Marcha galega polo emprego”, unha grande mobilización na que se agarda que tomen parte desempregados/as de toda Galiza, que percorrerán a pé o país. Os participantes partirán das cidades o 29 de xuño e rematarán en Compostela o 3 de xullo cunha manifestación nacional. Con esta marcha preténdese sensibilizar a poboación ante o grande problema que supón o paro e esixir a posta en marcha de toda unha serie de medidas que permitan o crecemento económico e a creación de emprego.
10/6/11.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo lembra que un 40% dos parados/as galegos non cobran prestación de ningún tipo, polo que demanda a creación dun Salario de Inserción Laboral. “É fundamental garantir que estes traballadores/as conten cunha cobertura que garanta uns ingresos básicos, mentres non teñen unha saída laboral”.

Para a CIG, este salario estaría acompañado doutras medidas, como a asistencia a cursos para diversificar a súa formación e unha atención personalizada para facilitar que se atope un posto de traballo.

Segundo a EPA do primeiro trimestre, en Galiza hai máis de 226.000 parados/as, cifra que se incrementa até os 250.000 se se toman como referencia os últimos datos de paro rexistrado.

Alén diso, Seixo considera especialmente grave que nos últimos dous anos se perdesen máis de 100.000 postos de traballo no sector industrial, fundamental polo seu peso estrutural e porque se trata de emprego de calidade. Tamén é preocupante que o 51% dos desempregados/as sexan menores de 35 anos.

A este respecto, criticou expresamente a actitude da Xunta de Galiza, por “cruzarse de brazos ante esta problemática e mirar para outro lado, sen adoptar medida algunha, máis alá de campañas publicitarias que ao final non se traducen na creación de emprego real”. A isto engadiu que “os 100.000 empregos que se perderon nos anos 2009 e 2010 en Galiza foron baixo o goberno de Núñez Feijoo e do Partido Popular”.