Yudigar despide unha delegada da CIG-Servizos en pleno proceso electoral
Esta traballadora é coñecida por ter desenvolvido unha loita incansábel na defensa dos seus compañeiros ao longo dos moitos anos de servizo na empresa. Foi tamén unha das promotoras da organización do primeiro comité de empresa no centro, constituído hai agora catro anos e no que a CIG-Servizos conseguiu toda a representación.
A empregada tamén foi vítima de acoso laboral que exerceu o seu xefe directo de maneira sistemática durante anos. As presións psicolóxicas e unha iluminación deficiente no seu posto orixináronlle, ademais dun acusado desgaste anímico, secuelas físicas manifestadas en problemas de visión.
Eleccións impugnadas
A CIG-Servizos impugnou o proceso electoral por mor do despedimento desta candidata. O sindicato confía que un laudo arbitral lle dea a razón e ordene repetir as votacións que se celebraron o 10 de xuño.
Ademais, as estrataxemas do empresario por minguar a representación do persoal non teñen parangón. Se hai catro anos se elixía un comité de empresa ao haber máis de 50 traballadores, agora tan só se escollen tres delegados debido a que o xefe cambiou de sociedade varios operarios.