Paremos a represión sobre a CIG-Servizos! Concentración na Coruña o 28 de xuño
O Ministerio Fiscal pide para Adolfo Naya unha pena de catro anos de prisión por un “delito contra o dereito dos traballadores”, simplemente por ter participado na folga das instalacións deportivas galegas, desenvolvida entre os anos 2009 e 2010. Ao compañeiro tamén lle solicitan 3.800 euros en concepto de multa. A vista celebrarase na Coruña a mediados do mes de xullo.
Marcos Cadórniga, militante da Federación en Pontevedra, enfróntase a unha petición de 10 meses de cadea e de 6.000 euros por tomar parte na folga xeral do 29 de setembro de 2010. O activista tamén ten aberta outra causa penal, na que lle solicitan de 6 meses a 3 anos de cárcere e unha multa de 7.200 euros por ter participado nos piquetes da folga do comercio de alimentación das provincias de Pontevedra e A Coruña, acontecida o 27 de novembro de 2009.
No ano 2010, as diferentes Subdelegacións do Goberno español impuxéronlles sancións administrativas a 70 militantes que superan os 40.000 euros. O Goberno español non tolera as manifestacións, concentracións, folgas e demais actos reivindicativos organizados pola central e opta por afogar economicamente a quen ousa participar neles.
A Federación anima os traballadores e traballadoras a tomaren parte na concentración do martes 28 de xuño, ás 11:00 horas, diante da Delegación do Goberno español, na Coruña (Praza de Ourense 11).
ASÍ NIN NOS DADES MEDO NIN IDES CONSEGUIR QUE PAREMOS!




