O sindicato mobilízase contra a represión do Goberno español
A mobilización estendeuse por volta dunha hora e nela coreáronse constantemente consignas de denuncia da represión contra a clase traballadora. “Non pode ser, obreiros na cadea, corruptos no poder!”, “Coa CIG na rúa a loita continúa!” ou “Defender o emprego non é delito” foron as palabras de orde que máis se repetiron.
O secretario nacional da Federación, Paulo Rubido, recriminoulle ao Goberno español que “amnistiase” os empresarios que non teñen regularizados os seus traballadores e, pola contra, persiga e criminalice os obreiros que defenden os seus dereitos.
Até catro anos de cadea
O Ministerio Fiscal pide para Adolfo Naya unha pena de catro anos de prisión por un “delito contra o dereito dos traballadores”, simplemente por ter participado na folga das instalacións deportivas galegas, loita que supuxo a conquista dun convenio cunhas condicións salariais e sociais xamais gozadas polo persoal do sector. Ao compañeiro Naya tamén lle solicitan 3.800 euros en concepto de multa. A vista celebrarase na Coruña o 14 de xullo.
Marcos Cadórniga, militante da Federación en Pontevedra, enfróntase a unha pena que oscila entre os 6 meses e os 3 anos de cárcere e a unha multa de 7.200 euros por ter participado nos piquetes da folga do comercio de alimentación das provincias de Pontevedra e A Coruña. Cadórniga tamén sufriu represalias por ter secundado a folga xeral de setembro de 2010. Nesta causa pídenlle unha multa de 6.000 euros (20 meses a razón de 10 euros diarios) ou ben 10 meses de prisión.




