A Xunta só conta cunha cuarta parte do operativo contra os lumes en plena temporada de risco
Representantes dos traballadores e o secretario nacional da Federación, Paulo Rubido, reclaman que todos os servizos de prevención e extinción sexan públicos e estean unificados no Pladiga. Repróchanlle á Xunta que o operativo de extinción non vaia funcionar ao completo como mínimo até o 25 de xullo, malia a situación de risco extremo de incendios que atravesa o país. As brigadas helitransportadas non entrarán en funcionamento até o 5 de xullo, mentres que os grupos de a pé non se incorporarán até dous días máis tarde.
Rubido responsabiliza a Consellería de Medio Rural de converter en negocio todo o que rodea o lume, privatizando servizos como a Coordinación, os PMA (Postos de Mando avanzado), unidades móbiles e adxudicando a unha empresa privada, Natutecnia, as tarefas de coordinación da extinción ou os helicópteros a outras compañías.
CIG-Servizos aposta por unificar a prevención e extinción nun único dispositivo a través do Pladiga, a onde se incorporarían os traballadores da sociedade pública Seaga atendendo a criterios de antigüidade e por medio da modalidade contractual de fixo-descontinuos e sempre preservando o carácter público do servizo. En caso contrario, os operarios irán á folga “compaxinando o exercicio do seu lexítimo dereito á folga co respecto á seguridade deste país”, puntualizou Rubido. Neste sentido e sobre as consecuencias que se poidan derivar das mobilizacións asegurou que a responsabilidade “será sempre do conselleiro”.
Por último, o máximo responsábel da Federación realizou un chamamento aos traballadores do Pladiga para sumárense ás mobilizacións do persoal de Seaga, pois tamén están sendo vítimas dos recortes de Medio Rural.




