A central gaña nas tendas de Gadis da provincia da Coruña

Escrutinio das eleccións de Gadis no almacén de Piadela (30-06-2011)
CIG-Servizos conseguiu un resultado espectacular nas eleccións ao comité provincial das tendas de Gadis na Coruña ao obter máis do 40% de apoio, que se traduce en 600 votos e 9 delegados. E todo malia as presións habituais e dos intentos da dirección por prexudicar o sindicato nacionalista a través da influencia dos encargados no voto, da contratación a última hora para inflar o censo, de se celebraren as eleccións en período de vacacións ou da difusión de mensaxes apocalípticas no caso de que gañase CIG-Servizos. Máis de 2.000 traballadores e traballadoras estiveron chamadas ás urnas en 90 centros espallados por toda a provincia coruñesa.
02/7/11.

Comunicado emitido pola CIG-Servizos da Coruña:

Foi o triunfo do sindicalismo de verdade, o que está próximo ás traballadoras, o sindicalismo de rúa e de visitas aos centros de traballo, o que sempre atende os problemas do sector, que nunca se deita coa empresa, o sindicalismo que organizou unha folga histórica e que non asinou un convenio por solidariedade cos compañeiros dos almacéns. Do sindicalismo que non fai o que manda a empresa nin o que ordenan as cúpulas sindicais. Do sindicalismo que non dúbida en enfrontarse á dirección da empresa se fai falta ou de sentarse a negociar horas se é necesario. As traballadoras votaron ás compañeiras da CIG porque saben que son as únicas que garanten a súa defensa ante unha empresa antiga, franquista, represora até a ridiculez…

GADIS preparouno todo moi ben para intentar reducir á mínima expresión a representatividade da CIG na empresa para poder afrontar unha negociación de convenio máis tranquila, onde puidese impoñe-lo seu criterio sen que a CIG tivese capacidade de resposta: fusión de empresas, eleccións adiantadas, toda clase de facilidades aos sindicatos asinantes do convenio… mais todo foi en van. O sindicalismo honrado e combativo das traballadoras da CIG foi recompensado polo cadro de persoal con máis de 600 votos.

Os resultados foron os seguintes no colexio de especialistas e non cualificados:

            CIG: 595 votos (40’34%)                            9 membros

            USO: 374 votos (25’36%)                              6 membros

            UGT: 275 votos (18’64%)                             4 membros

            CC.OO.: 231 votos (15’66%)                        4 membros

No colexio de técnicos (encargados) USO sumou os 2 membros que se elixían, como non podía ser menos. Os dous valentes que se presentaron pola CIG recolleron 10 dignísimos e honrosos votos que valen o seu peso en ouro.

A CIG-SERVIZOS considera estes resultados consecuencia dun traballo continuado de servizo aos traballadores e de entrega honrada nunha empresa que se caracteriza polo seu perfil autoritario e represor. A CIG foi o único sindicato que non asinou o último convenio provincial despois de lidera-la primeira folga do sector. As traballadoras souberon entende-lo traballo que fixeron as súas compañeiras da CIG por mellora-las súas condicións de traballo.