Comunicado da CIG-Servizos perante o xuízo ao compañeiro Adolfo Naya

Marcha solidaria na Coruña por un convenio galego de instalacións deportivas 7
CIG-Servizos da Coruña deu a coñecer un comunicado de apoio ao compañeiro Adolfo Naya, secretario nacional de Organización, ante o proceso penal ao que se enfronta por exercer o lexítimo dereito á folga e reclamar un convenio digno e con dereitos para o persoal das instalacións deportivas. A vista hase celebrar o 14 de xullo no Xulgado do Penal nº5 da Coruña, ás 11:30 horas.
12/7/11.

Comunicado da CIG-Servizos da Coruña sobre o proceso xudicial contra Adolfo Naya:  

Temos dereito a un traballo digno,

e tamén dereito a loitar por el.

A Coruña, 12 de xullo. Nesta semana, na que dous novos sectores –deportes náuticos e golf- veñen de se adherir ao Convenio Galego de Instalacións Deportivas acadado no pasado ano 2010, un proceso xudicial atinxe á loita pola consecución deste texto que levou a conquerir a meirande parte das reivindicacións das traballadoras e traballadores das instalacións deportivas galegas.

O Secretario de Organización da Federación de Servizos da CIG, Adolfo Naya, achegarase este xoves 14 de xullo ao Xulgado do Penal nº5 da Coruña. Acusado dun presunto delito vinculado á participación nunha folga e a unha falta de danos (valorados en menos de 100€),  na piscina do complexo deportivo municipal da Barcala (Cambre) en xaneiro do 2010,  a Fiscalía solicita a condena deste sindicalista a catro anos de cárcere e a unha multa de 3.780€.

Diante da absoluta desproporcionalidade desta acusación, dende CIG-Servizos queremos lembrar que a folga levada adiante polas traballadoras e traballadores das instalacións deportivas entre febreiro e marzo do 2010, se ben constou de momentos de tensión propios dun conflito de longa duración, caracterizouse indubidabelmente polo comportamento cívico, pacífico e mesmo san e deportivo das persoas que participaron nela.

Durante estes 47 días de folga -secundada por máis de 3.000 traballadoras/es de instalacións e clubes deportivos de toda Galiza- coordináronse, entre outras actividades,  clases de aeróbic en prazas públicas, ximnasia na rúa, acampadas reivindicativas, partidos de fútbol en María Pita e no Obradoiro, e mesmo unha marcha solidaria, contando en todo momento con forte apoio por parte da cidadanía, que participou animadamente destas convocatorias e mesmo se volcou ca compra de bonos solidarios postos á venda polas afectadas/os durante o período de reivindicacións.

Dende CIG-Servizos  negamos rotundamente calquera relación cos feitos relatados pola Fiscalía, ao tempo que amosamos a nosa absoluta solidariedade e total apoio cara o noso compañeiro e Secretario de Organización, Adolfo Naya.

A actual crise que supostamente sofre o actual sistema económico capitalista non está a supor baixas nas elites financeiras que a provocaron, mais si está a ser unha clara crise nos dereitos das traballadoras e traballadores, que non só está a atentar contra o propio dereito ao traballo mediante a proliferación de despedimentos, ERE´s, endurecemento das condicións laborais e retroceso nos dereitos da clase obreira, senón que mesmo semella tentar condicionar e criminalizar o dereito da mesma a loitar pola consecución dun emprego digno.

Agardamos polo tanto que este xoves 14 se produza a desestimación desta acusación totalmente desproporcionada e improcedente contra o noso compañeiro, acusación que desloce ademais a exemplar e exitosa loita levada adiante polas traballadoras e traballadores das instalacións deportivas galegas no 2010.