CIG-Servizos consegue maioría absoluta de votos no almacén de Piadela, do Grupo Gadisa

Protesta en Piadela 2
CIG-Servizos revalidou a maioría absoluta dos votos (50´78%) no colexio de especialistas do almacén de distribución do Grupo Gadisa, situado en Piadela (Betanzos), nas eleccións celebradas o 14 de xullo. Malia que esta foi a primeira vez en que concorreron catro candidaturas, a da CIG-Servizos conseguiu atraer máis apoios có resto das outras tres xuntas.
15/7/11.

Comunicado da CIG-Servizos coruñesa:

A empresa, ante a capacidade reivindicativa que introduciu a CIG nos almacéns desde que entrase hai tres anos no Comité de Empresa, facilitou a creación de candidaturas, abrindo as portas e fomentando a elaboración de alternativas á CIG chegando a propoñer candidatos para introducir nas distintas listas. Como sempre, propagou o medo, despediu candidatos da CIG e UXT e CC.OO. entraron no xogo prometendo cousas inverosímiles que nunca se atreverán a defender nunha mesa de negociación. A USO xa nin promete nada, limítase a recolle-lo voto dos que non poden supera-lo medo e dos que cren que a vida dos traballadores iría mellor sen sindicatos que os defendesen.

Os traballadores souberon recoñece-lo traballo dos delegados da CIG que, a pesar da súa pouca experiencia sindical, lideraron a primeira folga do sector e introduciron por primeira vez o sindicalismo real no centro de distribución dunhas das empresas máis importantes da nación.

Os resultados no colexio de especialistas foron os seguintes:

SINDICATO

VOTOS

REPRESENTANTES

CIG-Servizos

162 (50´78%)

6

USO

81 (25´39%)

3

UGT

41 (12´85%)

2

CC.OO

35 (10´97%)

1

No colexio de técnicos, é dicir, nas oficinas centrais de GADIS, na cerna dura do grupo empresarial, onde os traballadores conviven día a día co patrón e cos seus máis achegados colaboradores é evidente que a CIG nunca poderá montar unha candidatura. Por iso se realizan as eleccións de maneira conxunta co almacén para poder así contrarresta-la capacidade reivindicativa do persoal dos almacéns, onde a CIG se consolida como forza maioritaria.

No colexio de técnicos e administrativos USO obtivo 4 delegados máis e UXT, un. Desta maneira a maioría do Comité corresponderalle formalmente a USO. En todo caso a CIG fará vale-los votos obtidos nos almacéns e utilizará con responsabilidade a maioría do apoio que lle deron os traballadores dos almacéns.