Linorsa despide unha delegada do comité da limpeza dos colexios públicos vigueses
A compañía acusa a empregada de ter insultado unha compañeira, extremo completamente falso. A carta de despedimento contén datos que non se corresponden coa realidade. “Non entendemos por que din que a suposta lea se produciu en marzo, cando o único que houbo foi un pequeno incidente no mes de novembro”, explica Tránsito Fernández, secretaria comarcal da Federación.
Non é casual que a traballadora que denunciou ter recibido os supostos insultos sexa a mesma que a empresa contratou de xeito indefinido o pasado mes de xuño. “Fixéronlle un contrato de 22 horas e media, máis do que figura no acordo coa empresa, de costas ao comité”, critica Fernández. Por outra banda, a compañeira despedida non tivo ningún tipo de incidente nin sanción durante os máis de 15 anos que leva na compañía.
Comité e CIG-Servizos manterán xuntanzas cos tres grupos políticos presentes no Concello. As representantes das traballadoras aseguran que contan no seu poder con cartas de directores de centros educativos nas que lle recriminan á empresa ter apartado do seu labor a outras operarias que tamén participaron na folga.




