Levantan acta de infracción a Linorsa por contratar unha empregada para substituír as operarias en folga

Limpadoras de Linorsa ás portas da Casa Consistorial de Vigo
CIG-Servizos de Vigo revelou que a Inspección de Traballo levantou unha acta por infracción moi grave contra a concesionaria da limpeza dos colexios públicos da cidade. Linorsa contratou unha empregada para suplir as operarias que permanecían en folga. Ademais, as mobilizacións a prol da readmisión das 12 compañeiras despedidas han continuar nos vindeiros días.
09/9/11.

Tránsito Fernández, secretaria comarcal, explica que a resolución da Inspección propón para Linorsa o pagamento dunha sanción económica. De igual forma, a sindicalista considera que feitos coma este inhabilitan a empresa para se presentar a calquera concurso convocado polas administracións públicas.

Mentres, continúa a loita pola readmisión das 12 compañeiras despedidas. A vindeira semana está prevista a celebración dunha asemblea para decidir novas mobilizacións. “Que ninguén se esqueza de que hai 12 persoas na rúa e non pola súa culpa, senón porque foron á folga”, lembra Fernández.