Unha empresa da Deputación luguesa despide operarios por reclamaren dereitos
“É lamentábel que quen goberna a Deputación consinta despedimentos polo mero feito de reclamar dereitos laborais”, informa Xosé Paz, secretario comarcal da CIG-Servizos de Lugo. O sindicalista salienta que foi o propio presidente provincial, o “socialista” Juan Ramón Gómez Besteiro, o encargado de asinar as cartas de despedimento.
A Federación levará adiante un calendario de protestas en solidariedade con estes dous compañeiros. As datas e lugares das mobilizacións concretaranse en función dos actos electorais dos partidos que sosteñen o Goberno provincial.
Fraude na cotización á Seguridade Social
SEPLUSA contratou estes operarios para desenvolveren tarefas de xardineiros mais estaban a cobrar segundo unha categoría inferior, a de axudantes de xardinaría.
CIG-Servizos puxo en coñecemento da Inspección de Traballo o feito de que SEPLUSA non estaba aplicando correctamente o convenio colectivo e de que cometía fraude nas cotizacións. O sindicato instou a Seguridade Social a que modificase as bases de cotizacións e liquidase as cotas dos últimos catro anos de todo o persoal. No seu informe, a Inspección constatou unha débeda de 25.000 euros, intereses de demora e propuxo unha sanción.




