A limpeza do Hospital de Burela concentrarase a diario para esixir o cumprimento dos acordos

protesta_limpeza_hospital_de_burela.jpg
As traballadoras e traballadores da limpeza do Hospital da Costa de Burela concentraranse a diario, a partir do 3 de outubro, para esixirlle á concesionaria, SAMYL, que cumpra o acordado coa parte social con respecto á equiparación co Grupo E do SERGAS e retome a negociación do convenio, cuxa vixencia expirou en 2006. As protestas desenvolveranse ás 10:45 horas no recibidor do centro.
29/9/11.

Na actual negociación o motivo de desencontro non é o económico senón o social. O único punto que recolle a plataforma dos sindicatos na mesa negociadora, constituída hai ano e medio, é a equiparación da xornada co referido grupo do Sergas. É dicir, que de asinarse o novo convenio, esta homologación sería total, tal e como ocorre na totalidade de centros hospitalarios do país. “Non parece de recibo que o persoal do noso hospital sufra tal discriminación en relación coas compañeiras e compañeiros que prestan os seus servizos noutros centros”, manifesta a CIG-Servizos da Mariña nunha nota de prensa difundida aos medios.

As mobilizacións do ano pasado serviron para que a empresa sentase a negociar. Froito dese diálogo mesmo se chegou ao acordo de que a equiparación total se producise en 2013. “Pero á hora de plasmar ese compromiso nun papel para asinalo e darlle validez legal en forma de novo convenio colectivo, atopámonos con que a empresa non só non respectou eses acordos senón que omitiu ou mesmo modificou artigos do actual convenio que para nada se cuestionaban por ningunha das partes”, expresa o comunicado do sindicato.

É por isto, e insistindo na xustiza e lexitimidade das reivindicacións, polo que a CIG-Servizos se ve na obriga de retomar o calendario de mobilizacións. Xa que logo, a partir do luns día 3 de outubro e de forma diaria, as traballadoras e traballadores do servizo de limpeza concentraranse ás 10:45 no recibidor do hospital. De non acadar que a empresa reconsidere a súa postura, a central resérvase o dereito de adoptar novas e diferentes medidas de presión.