Comezan as mobilizacións diarias da limpeza do Hospital de Burela

20111003_limpeza_hospital_burela.jpg
O persoal da limpeza do Hospital de Burela comezou o 3 de outubro as mobilizacións diarias para lle reclamar á concesionaria a equiparación co Grupo E do Sergas e que retome a negociación do convenio. A asemblea de traballadoras e traballadores, reunida o 27 de setembro, decidiu prolongar as protestas até que Samyl S.L. se comprometa, en firme e por escrito, a cumprir as demandas do cadro de persoal. A empresa, de non asinar o acordo coa parte social, enfrontarase a diferentes medidas de presión.
03/10/11.

As mobilizacións do ano pasado serviron para que a empresa sentase a negociar. Froito dese diálogo mesmo se chegou ao acordo de que a equiparación total se producise en 2013. “Pero á hora de plasmar ese compromiso nun papel para asinalo e darlle validez legal en forma de novo convenio colectivo, atopámonos con que a empresa non só non respectou eses acordos senón que mesmo modificou artigos do actual convenio que para nada se cuestionaban por ningunha das partes”, afirman desde CIG-Servizos da Mariña.

Na actual negociación o motivo de desencontro non é o económico senón o social. O único punto que recolle a plataforma dos sindicatos na mesa negociadora é a equiparación da xornada co referido grupo do Sergas. É dicir, que de asinarse o novo convenio, esta homologación sería total, tal e como ocorre no resto de centros hospitalarios do país.