Prosegue a loita contra os dous despedimentos en SEPLUSA

20111003_seplusa_deputacion_lugo.jpg
Os accesos á Deputación de Lugo foron de novo o escenario elixido pola CIG-Servizos, o 3 de outubro, para se concentrar en protesta polo despedimento de dous traballadores de SEPLUSA, sociedade dependente do organismo provincial. A empresa botou estes operarios porque a demandaron como consecuencia do cobro incorrecto dos salarios. A Federación denuncia que o PSOE e mais o BNG, forzas que gobernan a Deputación, están a permitir a conculcación de dereitos fundamentais a traballadores que prestan os seus servizos nesta sociedade pública.
04/10/11.

CIG-Servizos lembra que foi o propio presidente provincial, o “socialista” Juan Ramón Gómez Besteiro, o encargado de asinar as cartas de despedimento. “É lamentábel que quen goberna a Deputación consinta despedimentos polo mero feito de reclamar dereitos laborais”, manifestaba días atrás Xosé Paz, secretario comarcal da Federación.   

A central seguirá adiante co calendario de protestas en solidariedade con estes dous compañeiros. As datas e lugares das mobilizacións concretaranse en función dos actos electorais dos partidos que sosteñen o Goberno provincial.