Pimkie pecha a súa tenda na Coruña e deixa na rúa seis traballadoras

Contra o peche da tenda de Pimkie na Coruña 02
A multinacional francesa do comercio téxtil Pimkie vai pechar a súa tenda na Coruña, decisión que deixará na rúa seis traballadoras a partir do 9 de outubro. CIG-Servizos considera estes despedimentos fraudulentos e contrarios a dereito. A firma quere desfacerse destas empregadas da maneira máis barata posíbel, alegando causas obxectivas por motivos económicos, con tan só 20 días de indemnización por ano traballado. O sindicato mobilizouse diante da tenda o 5 de outubro e xa prepara medidas legais para impugnar os despedimentos.
05/10/11.

A tenda da Coruña sempre lle resultou molesta a Pimkie polo carácter reivindicativo do cadro de persoal. Foron constantes as denuncias na Inspección de Traballo, que levantou actas de infracción, entre outros aspectos, por incumprimentos no descanso mínimo legal ou na normativa en materia de prevención de riscos laborais. A firma, ademais, comete erros constantes nas cotizacións á Seguridade Social.

A multinacional francesa acóllese á modalidade de despedimento obxectivo por causas económicas, o que para a CIG-Servizos non deixa de ser unha fraude de lei para evitar recoñecer o carácter improcedente destas rescisións de contrato. A compañía segue a abrir novos estabelecementos polo mundo adiante e a reformar tendas no Estado español, onde, por certo, continúa a ofrecer postos de traballo.

A Federación de Servizos da CIG organizou o 5 de outubro unha concentración ás portas do Pimkie coruñés, sito na praza de Lugo, que se estendeu por volta dunha hora e na que participou media centena de delegados e delegadas. A protesta foi vixiada por un discreto dispositivo policial.

GALERÍA FOTOGRÁFICA DA CONCENTRACIÓN