Celta Prix incumpre o prego de condicións da xestión dos parques comarcais de bombeiros de Pontevedra

bombeiros_celta_prix.jpg
Celta Prix, empresa encargada da xestión dos parques comarcais de bombeiros da provincia de Pontevedra, incumpre o prego de condicións ao ter catro empregados/as menos dos que figuran nas bases do concurso público. Ao mesmo tempo, a central nacionalista denunciará na Inspección de Traballo as deficiencias detectadas nos equipos de protección individual.
08/10/11.

A compañía eliminou desde xuño catro postos de traballo nos parques que xestiona, polo que os salarios desas catro persoas pasan a engrosar a conta de beneficios. A Xunta de Galiza e as administracións provincial e local son responsábeis da situación.

Dúas destas persoas cuxas vacantes non foron cubertas son os bombeiros despedidos do parque do Porriño días antes de que finalizase o período de proba, decisión que motivou a convocatoria dunha folga indefinida por parte dos seus compañeiros/as que se prolonga dende hai máis de dous meses.

Precisamente co obxectivo de desbloquear o conflito, unha representación da CIG mantivo unha xuntanza coa deputada provincial Begoña Estévez, que manifestou descoñecer o tema e asegurou que as competencias en materia de recursos humanos residen na empresa. “O que si nos adiantou foi que xa disolveron o Consorcio Comarcal do Salnés e que a continuación lle tocará ao resto de cara a constituír un único consorcio provincial”, explica Pedro Pérez, Secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos.

Dende a central nacionalista trasladáronlle á deputada provincial a súa oposición á actitude de Celta Prix e lembráronlle o ocorrido no parque do Morrazo, onde outros despedimentos e casos de represión sindical ocasionaron un conflito laboral. “Deixámoslle moi claro que rexeitamos estas prácticas da compañía, que curiosamente toma esta actitude cada vez que ten que negociar o convenio”. No que respecta ao caso concreto dos dous despedidos do Porriño, Pérez explica que Celta Prix volveunos convocar para repetir as probas psicotécnicas e a entrevista, “algo que non nos parece lóxico tendo en conta que xa as pasaron cando foron contratados a primeira vez”.

Finalmente, o sindicato presentará unha denuncia contra a empresa na Inspección de Traballo por incumprimentos en materia de saúde e seguridade laboral. “A decisión adoptouse despois de comprobar a existencia de deficiencias nos equipos de protección individual”, explica Pedro Pérez.