Persoal de Zara segue a denunciar fraude na contratación
Zara incumpre as obrigas de comunicar as vacantes a todas as traballadoras a tempo parcial e de non contratar ninguén a máis horas das que goza o persoal que xa pertence á empresa.
CIG-Servizos entende que esta firma de Inditex está a primar as contratacións a dedo en detrimento dos dereitos de empregadas que levan anos desenvolvendo a súa actividade na compañía.
Zara está a favorecer a precariedade laboral mantendo parte do seu cadro de persoal en condicións salariais que non permiten sequera que chegue a fin de mes. Unha situación que contrasta coa do Grupo Inditex, que acadou en 2010 un beneficio neto de 1.732 millóns de euros, un 32% máis en plena crise económica. Incrementou as vendas un 13% e facturou un total de 12.527 millóns de euros.





