O Grupo Cortefiel rebaixa as retribucións a empregados
O detonante da mobilización foi o recorte salarial aplicado de xeito unilateral e sen ningún tipo de negociación aos encargados e encargadas das tendas Springfield. Esta rebaixa concretouse na absorción dun complemento salarial ao posto de traballo que até hai unhas semanas percibían os encargados das tendas e que a compañía decidiu mudar por un complemento de vendas.
“Aínda que a empresa asegurou que este cambio non ía supor ningún recorte nas retribucións, a realidade é que os salarios dos encargados baixaron entre 100 e 300 euros mensuais con respecto ao que viñan cobrando”, aclara Silvia Mourelle, presidenta do comité provincial de Cortefiel e delegada da CIG. Esta baixada tamén implica que agora algúns traballadores afectados estean a percibir un soldo inferior ao estabelecido por convenio.
O Comité tamén denuncia a discriminación que a dirección estabeleceu entre os traballadores do Grupo. Mentres que o persoal das tendas Cortefiel cobra por convenio, o salario base dos empregados de Springfield ou Women'Secret é inferior, circunstancia que a empresa compensa cunha “comisión mínima garantida”.
O compromiso era que esta comisión mínima garantida fose desaparecendo a medida que se adecuaban as retribucións ao estabelecido en convenio e se equiparasen así as condicións do persoal das distintas marcas do Grupo. Compromiso que por agora non foi cumprido a pesar das demandas do Comité.