Un mando da Guardia Civil acosa un delegado por motivos ideolóxicos
O vixilante leva afiliado á central desde hai moito tempo e é unha das cabezas visíbeis do movemento sindical no sector. O compañeiro, por ser de esquerdas e nacionalista galego, está a sufrir o acoso constante do sarxento desde hai tres meses. Segundo Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, este mando da Guardia Civil “profesa unha ideoloxía de extrema dereita e non concibe que haxa traballadores que poidan ter unha ideoloxía diferente á súa”.
O militar español chegou a presionar a empresa do traballador para que o sancionase e mesmo realizou xestións ante a Delegación do Goberno do Estado para o inhabilitar no exercicio da súa profesión.
O sindicato aínda non recibiu da Delegación nin de Aena resposta algunha acerca deste caso de violación de dereitos fundamentais. “Son cómplices e colaboradores dunha situación que non é propia dos tempos nos que vivimos”, opina Rubido.
A CIG acordou iniciar unha campaña en defensa das liberdades ideolóxica e de expresión. “É inadmisíbel que, no século XXI, un sarxento da Guarda Civil, que pensa que está no ano 39, se dedique a perseguir, non só este traballador, senón outros máis de aquí do aeroporto”.




