O persoal da recollida do lixo de Vigo mobilizarase contra o despedimento de 180 compañeiros
A primeira das opcións que lle ofrecen ao persoal de FCC consiste na eliminación dos seguintes servizos: recollida do lixo os domingos, os sábados nos núcleos rurais, supresión da limpeza de praias no verán e do reforzo da limpeza viaria no período estival e en decembro. Esta proposta tampouco contempla a limpeza mecanizada durante os sábados (varrido e baldeo), o que provocaría a perda de 180 dos 525 postos que conforman o cadro de persoal.
A segunda das medidas inclúe as mesmas reducións de persoal que a anterior, aínda que incorpora a ampliación do período vacacional, que pasaría de 3 a 12 meses. Porén, esta proposta estabelece a ampliación das zonas de actuación, o que implicaría que cada operario asumise maior carga de traballo.
O terceiro plan é o que máis rexeitamento provoca pois contempla unha redución salarial para todo o cadro de persoal do 6%. O comité denuncia que estas propostas son consecuencia da decisión do Goberno local de reducir o canon que paga ás concesionarias entre un 15 e un 20%. Diante disto, o órgano de representación do persoal reclama a retirada dos tres plans e anuncia que non vai aceptar ningunha proposta que supoña despedimentos ou perda de dereitos que figuran no convenio.
Concentración fronte ao Concello
A primeira mobilización terá lugar o 14 de novembro, ás 12.00 horas, e consistirá nunha concentración ás portas do consistorio, na que tamén participarán as limpadoras dos colexios públicos, que loitan dende hai meses por mellorar as súas condicións laborais. De xeito paralelo levarán a cabo unha campaña informativa na rúa para alertar a cidadanía de que os plans municipais suporán o deterioro dun servizo polo que dende hai pouco pagan un 3´80% máis. Ambos colectivos de traballadores entrevistaranse con representantes da Federación Veciñal.




