Sucédense os actos de apoio á traballadora dun Lidl ourensán vítima dun despedimento desproporcionado
Lidl acusa a empregada de coller unhas papas de cereais para bebés a última hora da tarde cando a caixa xa estaba pechada, circunstancia que lle impediu pagar o artigo, valorado en 2´90 euros. “A intención da traballadora era abonar esa cantidade ao día seguinte ao comezar a xornada laboral”, explican desde a CIG-Servizos ourensá. Tampouco se tiveron en conta as alegacións expostas pola empregada, que fora advertida pola súa nai de que necesitaba a papa para darlles de cear ás fillas.
O sindicato considera que Lidl aproveitou esta situación para desfacerse dunha traballadora fixa que ao longo de 10 anos demostrou unha profesionalidade e entrega totais ao seu traballo. “A pesar dos nosos intentos por intentar chegar a acordos coa empresa, a negativa da mesma ao diálogo fixo imposíbel atopar unha solución”.




