Proseguen as protestas dos empregados da recollida do lixo de Vigo contra a perda de postos

20111117_protestas_dos_traballadores_do_lixo_de_vigo.jpg
Persoal de diferentes concesionarias do Concello de Vigo sumouse ás mobilizacións dos traballadores da recollida do lixo e da limpeza viaria contra os plans que prevén a perda de 180 postos neste servizo. Delegados e delegadas en Linorsa e Cespa participaron o 17 de novembro na concentración diante do consistorio que organizou o persoal de FCC.
18/11/11.

Centos de traballadores e delegados das concesionarias permaneceron desde as 12.00 até as 13.30 horas ás portas do Concello de Vigo berrando consignas contra os plans municipais e reclamando o mantemento de todos os empregos. O Goberno local prevé reducir nun 10% o canon que paga ás concesionarias pola prestación dos diferentes servizos. Na concentración do 17 de novembro non se viviron momentos de tensión a diferenza do acontecido en días pasados.

“Volvemos ao Concello porque non hai unha resposta firme por parte dos responsábeis municipais que garanta o mantemento de todos os postos de traballo”, indicou Manuel Zabala, delegado da CIG no comité de FCC. Tamén explicou que os traballadores das concesionarias teñen intención de constituír unha plataforma con todos os comités das empresas afectadas. Lembrou que os recortes propostos polo Executivo local van afectar de xeito moi negativo a calidade dos servizos. O persoal das adxudicatarias mesmo baralla a posibilidade de convocar unha grande manifestación na cidade, ademais dunha folga.