A Xustiza revoga unha sanción a un delegado de Leroy Merlin en Compostela

Logotipo Leroy Merlin
O Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela anulou unha sanción a un membro do comité e delegado da CIG en Leroy Merlin. A empresa castigara o operario cunha suspensión de emprego e soldo durante catro días por unha falta de puntualidade. Sen embargo, o presente fallo reproba a empresa por non ter tramitado correctamente o expediente disciplinario e condénaa a lle abonar as cantidades correspondentes ao traballador polos catro días que non percibiu o soldo.
21/11/11.

A maxistrada conclúe nos fundamentos de dereito que Leroy Merlin cualificou indebidamente a falta cometida polo empregado e entende que se trata dunha infracción leve no canto dunha grave. Ademais, constata que a empresa eludiu o trámite de audiencia ao comité de empresa, que é preceptivo cando se trata de sancións por faltas graves ou moi graves a representantes legais dos traballadores.

A sentenza entende que a comunicación do procedemento sancionador ao traballador “só contén imputacións xenéricas e indeterminadas que perturban gravemente a defensa e atentan ao principio de igualdade de partes”.

A maxistrada constata ademais múltiples irregularidades en todo o proceso: “Existe unha pésima instrución, non consta o interrogatorio de testemuñas, non consta lectura do aparello de control durante ese día, non consta a identificación da tarxeta do demandante...”.

A Federación de Servizos da CIG felicítase por esta resolución. Ao mesmo tempo, recórdalles aos traballadores e traballadoras a importancia de comprobar os sistemas de fichaxes e anímaos a reclamaren as posíbeis inexactitudes. Estes mecanismos só poden ser corrixidos co consentimento dos empregados.

AdxuntoTamaño
Sentenza Leroy Merlin2.77 MB