Asinado o convenio da limpeza do Hospital da Costa

Hospital da Costa de Burela, concentración do persoal de limpeza
O convenio da limpeza do Hospital da Costa de Burela asinouse o 24 de novembro logo dun longo proceso de negociación, iniciado en marzo de 2010, que incluso levou consigo mobilizacións dos traballadores e traballadoras. O acordo, que foi referendado polo cadro de persoal reunido en asemblea, contempla, a partir do 1 de xaneiro de 2013, a equiparación da xornada co Grupo E do Sergas, tal e como acontece no resto de centros hospitalarios do país. Como paso previo a esta homologación, as partes decidiron reducir parcialmente a xornada en 2012 a través de días libres que a empresa plasmará nos cuadrantes.
25/11/11.

Coa sinatura do acordo, rubricado entre os representantes sindicais (CIG-Servizos) e a concesionaria (Samyl S.L.),  cúmprese case na totalidade o obxectivo do persoal de quedar equiparado ao Grupo E do Sergas, tendo en conta que xa percibía as mesmas retribucións.

CIG-Servizos da Mariña quere resaltar e agradecer o esforzo das partes e moi especialmente das traballadoras e traballadores que, coa súa implicación e mobilización, fixeron posíbel atinxir este acordo.