CIG-Servizos intensifica a campaña de denuncia do despedimento nun Lidl ourensán

lidl_ourense.jpg
A Federación de Servizos da CIG anima a afiliación a lle remitir escritos de protesta a Lidl polo seu comportamento desprezábel por despedir unha traballadora a que acusa de substraer unhas papas de cereal para alimentar a súa filla. O sindicato xa manifestou en máis dunha ocasión que esta decisión empresarial é desproporcionada, indecente, obscena e inmoral.
05/12/11.

Lidl acusa a empregada de coller unhas papas de cereais para bebés a última hora da tarde cando a caixa xa estaba pechada, circunstancia que lle impediu pagar o artigo, valorado en 2´90 euros. “A intención da traballadora era abonar esa cantidade ao día seguinte ao comezar a xornada laboral”, explican desde a CIG-Servizos ourensá. Tampouco se tiveron en conta as alegacións expostas pola empregada, que fora advertida pola súa nai de que necesitaba a papa para darlles de cear ás fillas.

CIG-Servizos anima a cidadanía e, en particular, a súa afiliación a dirixir escritos de protesta a Lidl pola súa actitude neste caso. A Federación ofrece un modelo de texto, que deberá ser enviado premendo aquí:

Como cliente/a do LIDL comunícolles o meu descontento coa súa política de responsabilidade social corporativa.

Souben polos medios de comunicación que, en Ourense, despediron unha traballadora porque a acusan de ter collido unha papilla (2,99€) para lle levar ás súas fillas para cear.

Paréceme inmoral que afirmen ter principios como “El trato justo es requisito sagrado en nuestra empresa”, ou “Nos apoyamos y respetamos de forma recíproca” e despois despidan unha traballadora de forma tan cruel.

Espero que reconsideren a súa decisión e readmitan a traballadora xa que, do contrario, deixarei de ser cliente/a da súa empresa e contareillo á miña familia e amizades, contactos de facebook, twitter, e demais redes sociais en que participo, para que saiban que clase de empresa é Lidl.

Atentamente.