A Federación esíxelle a Sermasa que abone de inmediato os salarios adebedados

20080305_folga_deportes_a_corunha_01
Traballadores de Sermasa, empresa concesionaria, entre outros servizos, das instalacións deportivas do Concello da Coruña, aínda non cobraron a nómina de novembro. Os atrasos na percepción das retribucións sucédense desde hai meses, mais nunca con tanta demora. CIG-Servizos insta as institucións públicas a que tomen as medidas oportunas para rematar cos incumprimentos de Sermasa.
14/12/11.

Servicios y Materiales S.A. (Sermasa) ten a concesión de múltiples servizos municipais nos concellos da comarca, como o de monitores e mantemento das instalacións deportivas municipais da Coruña, mantemento da Torre de Hércules, servizo de axuda a domicilio de Arteixo, conserxería das instalacións deportivas municipais de Arteixo, etc. Por este motivo, CIG-Servizos esíxelles aos concellos da Coruña e Arteixo, como responsábeis últimos das concesións, que tomen as medidas oportunas coa empresa para evitar que se volvan producir novos atrasos no abono dos salarios.

A Federación promoverá mobilizacións no suposto de que non se solvente esta situación.