O Supremo abre a porta a que o persoal de SEAGA pase a formar parte do PLADIGA
CIG-Servizos intentou sen éxito iniciar un proceso negociador para evitar a vía xudicial e que SEAGA, empresa de capital público, teña que desembolsar 1.200.000 euros en concepto de indemnizacións por resolucións improcedentes de contratos. Mentres, no prazo dun mes, presentáronse máis de 200 demandas por despedimento que se ventilarán en xuízos a partir do mes de xaneiro de 2012.
Paulo Rubido, secretario nacional da CIG-Servizos, repróchalle á Xunta que, en troques de intentar resolver unha situación ilegal, “tire para adiante e dilapide 1.200.000 euros nunha acción absolutamente inútil que non reporta absolutamente nada”. En todo caso, Rubido matiza que o propósito do persoal de SEAGA non son as contías das indemnizacións, senón unhas condicións laborais dignas.




