As traballadoras da limpeza do Concello de Burela non cobran desde outubro

dsc_1030.jpg
As traballadoras do servizo de limpeza do Concello de Burela, contratadas a través da empresa Pedra Salgada S.L., non perciben retribucións desde o mes de outubro, no que só recibiron a metade do salario. O cadro de persoal concentrouse o 19 de decembro na praza do Concello por espazo de media hora. CIG-Servizos instou a compañía a que tome unha solución o antes posíbel e tamén solicitou a mediación do Goberno municipal.
19/12/11.

A empresa acumula atrasos salariais desde o mes de outubro, no que só pagou a metade do salario. A isto hai que sumarlle as retribucións de novembro e a extra de Nadal. Pedra Salgada S.L. tamén manifestou que tampouco vai facer fronte ao abono da nómina de decembro.

CIG-Servizos alerta da gravidade da situación pois en moitos casos os contratos son a tempo parcial, os salarios son baixos e “as hipotecas e os recibos non entenden de razóns”. Os problemas acentúanse nestas datas do ano nas que “os gastos no fogar adoitan aumentar”.

A Federación solicítalle ao Concello, como responsábel do servizo, que interceda e procure solucións.